miércoles, 1 de abril de 2009

Historia do Convento do Rosario de San Sadurniño (II)


Ano 1825

A Coresma era un tempo duro para o buche daqueles conventuais do Rosario, cando os alimentos eran de escasez e pouca mantenza. Cumpría mercar bulas para a comunidade e para os criados que permitisen manterse mellor. 36 reais se pagaron polas bulas para comer carne, adquiridas neste ano no mes de Febreiro.

O Xoves Santo e a Pascua permitían maiores farturas. O Xoves Santo gastaron 35 reais en postres e na Pascua voltaron a compartir 325,30 reais dunha “molienda de chocolate”. Durante a Pascua mercáronse “azucarillos” e bizcoitos.

Seguían as débedas ó xastre por pagos retrasados en concepto do vestuario mercado nos anos 1823 e 1824 ó Padre Fr.Nicolás Rial (348 reais).

En Abril realizáronse obras de reparación na “arqueta da auga”, o que nos achega datos de que existía un almaceamento da mesma. E nese mes chegaba a San Sadurniño, procedente do Convento de Monforte o novo Prior, Fr. José García. Houbo que pagar 170 reais por trasladar os seus enseres en baules. Fr José entra a exercer o seu cargo o día 30 de ese mes.

A Comunidade do Convento era dirixida por un Padre Prior e por un Superior, que nestes anos estaba a ser Fr. Esteban Vérez, polo que se pagou para o seu vestuario 406 reais no mes de Abril.

Neste mes das choivas, pasaron polo Convento a mendigar “varios pobres vergonzantes de la villa del Ferrol”, e a Comunidade entregoulles 120,26 reais de limosna. A mesma cantidade que nese mesmo mes se empregaron en pintar os altares.

No mes de maio aparecen nas contas 110 reais da conducción de 27 carros de leña dende a Fraga do Marqués. O inverno fixera os seus estragos no tellado, ou poida que se estivesen a realizar novas obras e mércanse 80 tellas. Non só o Prior viña de Monforte senón que neste mes chegou desde alí tamén o viño. O viño tinto dende Monforte, e o branco era viño de Amandi.

En xuño traese leña dende o pinar que o convento tiña en Agra, e que soía utilizarse, non só para leña, senón tamén para a construcción, especialmente na dos pisos do convento. Mércase tamén 5 varas de tela “estameña” para confeccioar o hábito do novo Prior.

En xullo houbo que curar á mula (70 reais) e o Prior fixo viaxe a Mondoñedo (168 reais). Os frades estaban suscritos á “Gaceta de Bayona” de onde recibían información e que estaría en consonancia coas súas ideoloxías e tendencias político-sociais. Co tempo, chegaremos a ese ano, esta Gaceta sustituise pola de Madrid, a que co tempo acabaría chamándose “Bolentín Oficial do Estado”. Pagaban anualmente pola suscrición á “Gaceta de Bayona” 220 reais.

En agosto mercáronse zapatos para o Padre José Núñez (21 reais), para outro Padre non especificado e amañáronse outros.

De cando en vez os Conventos Dominicos reciben visita, non só do Bispo, senón do seu Visitador da Orde. En setembro de 1825 o Convento recibe visita:

“En 9 de Septiembre de 1825 visitando este Convento del Smo. Rosario de Sn Saturnino NMRP (nuestro muy reverendísimo padre) el Ilmo Fr. Manuel de Gregorio del gremio y claustro de la Rela (Real) Universidad de Santiago y Vicario Provincial del Reino de Galicia Orden de Predicadores: mandó tomar cuenta…”

Nestas visitas soíase determinar limosna para algunha obra da orden dominica, no mes de setembro cítase que:

“Dieron 666,17 para reedificación de la Yglesia de S. Salbador de Limiñón”. Preto das terras de Ortigueira, esta parroquia foi durante séculos rexentada por eles, sobre ela tiñan dereitos e obrigas.

Nese mes de setembro o Prior viaxa a Betanzos.

As celdas dos monxes soían ter unha cheminea para quentarse, pero en San Sadurniño, polo que de momento temos, só queda constancia de que se mercaban “cerillas para la celda prioral”.

En outono e novembro de 1825 estábase a construir a portería, polo que se fixeron con pedra traida da canteira do marqués, e pagáronse 75 reais de 50 tablas de álamo. O “tinglado” da portería que se estaba a construir compoñíase de dúas columnas de pedra (76 reais incluida a conducción). Para esta obra carretáronse doce carros de pedra desde a feira do Marqués. Para a obra pagáronse 128 reais para 32 xornais ó canteiro (26 xornais do traballo do tinglado, e os restantes para o recebo). Para o carpinteiro do tinglado da portería empregáronse 221 reais por 34 xornais.

A horta “de abajo” precisaba de canles para facer ir a auga polo seu debido curso, polo que en novembro págase por 28 xornais de traballo.

O Nadal de 1825 acompañouse non só de postres, senón tamén de catro capóns (33 reais). Pagáronse ese mes os 20 reais de costume ó Padre Predicador da festa da Inmaculada. Naquel momento había un novicio no Convento que foi acompado por un relixioso ata Coruña, ó que lle pagaron por gastos 22 reais.

Os datos sobre a escola comezan a aparecer a finais deste ano en que se mercan catro tablas para duas mesas da mesma (6 reais).

Xabier Martínez, Baleirado documental para unha historia de San Sadurniño

No hay comentarios: