jueves, 2 de abril de 2009
Historia do Convento do Rosario de San Sadurniño (III)
Foto: Santo Domingo de Bonaval,
Nel tomaron habito algúns dos frades de San Sadurniño
Conta a lenda que a denominación "Bonaval" débese a Juan Tuorum, condeado inxustamente á forca. Sendo conducido a executar invocou á Virxe "ven e valeme" caendo morto ós seus pés. Preto do convento venerase a citada Virxe. O Edificio de Santiago que hoxe temos realizouse, coma o de San Sadurniño, no século XVIII para sustituir a primeira edificación gótica. Caso parecido ó acontecido nas etapas de contrucción en San Sadurniño.
San Sadurniño, Convento do Rosario. Ano 1826
Continuando con esa escola da que se nos van dando noticias, os dominicos tiñan dous mestres, un que daba “de primeras letras”, e outro que era mestre “de más”. No 1826 o mestre de primeiras letras cobraba mensualmente 12 reais. Un prezo moi baixo, e simbólico, que nos fai sospeitar que o mestre era un dos propios dominicos, o que sería habitual, continuando coa súa formación de escola de gramática e retórica que desde a súa primeira presencia houbo no Convento.
No mes de febreiro páganse as “soldadas” ó cociñeiro Luis da Fraga, ós criados Tomás Castrillón e José Rodríguez, e a Luis Amor (o xastre).
Os preitos por terras e dereitos estaban á orde do día, e máis ainda cando unha desamortización estaba ás portas. No mes de marzo páganse 83 reais da información “que se dio en Ferrol contra el interventor de Neda”.
Desde o século XVII hai constancia dun órgano na Igrexa Parroquial, en Abril de 1826 o organista cobrou a cifra de 60 reais. Máis do que ós frades lles costou nese mes a compra dun cobertor (40 reais). A continuación ímoslle poñer un nome a o organista polos datos da súa toma de hábitos (Fr. Joaquín Bancos).
En Maio de 1826 a Comunidade acolle e celebra unha nova vocación para o Convento do Rosario de San Sadurniño que toma os hábitos. O novicio chamábase Fr. Joaquín Bancos, e tomou hábitos moi solemnemente no Convento de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela:
“1700 rs de los abitos, capa, ropa interior y esterior, Cama y mas gastos q hizo Fr. Joaquín Bancos en su toma de habito p(ara) organista de Coro para este Convento en el de Santiago”.
Nese mes de Maio estase a construir unha cuadra (932 reais) para a caseira do Convento, que se chamaba Vicenta Fernández. Para a súa construcción gastáronse 175 reais de arranque de pedra, 665 dos canteiros, 48 dos peóns, e 44 de serrar a madeira. En xuño continuan esas obras e gástanse 305 reais na “cuadra del casal y los otros del convento”.
Preto da Capela de Belén, na feira do marqués, atopábase a canteira da que saía a pedra para as obras do convento. No mes de xuño estase a traballar sacando pedra de esa canteira para a construcción da arqueta da auga. Esta edificación hoxe xa non se conserva, pero tivo a súa importancia e para a súa construcción se trasladaron carros de pedra e lousas para cubrila.
Entre as compras de alimentación do mes de xuño, cabe destacar dúas empanadas a 3,50 reais cada unha.
Tamén se extraeu pedra xa no mes de xullo para a obra do muro da leira do bosque, pagándose 393 reais polo traballo dos canteiros e pola pedra. E 136 reais pola conducción da leña da Fraga do Marqués, queda constacia de que esa leña ía polo río ata o “cargadeiro”: “34 rs de la limpia y conducción de la leña al Cargadero”.
Os temas legais de terras, e de administración, supuñan un forte desembolso de cando en vez e no mes de xullo pagáronlle 1333,28 reais por dilixencias ó escribán Dn Manuel Bustamante.
En agosto as festas levaron 365 reais en 40 libras de chocolate. Nese mes de bo tempo aproveitase para diferentes amaños coma o de blanqueo do refectorio e obras no famoso balcón (o único que nun principio había) do convento (o actual que da ó cruceiro):
“72 rs de 12 jornales al albañil de blanquear el refectorio y cortar el balcón”.
A revolución industrial existía na producción do convento, e deixaronnos constancia dunha “maquina de limpiar el fruto”, para o seu amaño gastaron 18 reais en agosto.
Tamén nese mes estival amañouse unha das portas do claustro, polo prezo debe ser a porta de acceso á Igrexa, (256 reais, pagándose polos xornais do carpinteiro 236,32 reais).
Síguese a arrancar pedra da canteira: “50 rs de diez jornales de arrancar piedra en la cantera de la feria”. En novembro cítanse 4 libras de pólvora a un prezo de 36 reais. Pólvora que viña a empregarse para este cometido.
Rematou o ano de 1826 no Convento do Rosario de San Sadurniño con pagos por roupas dos frades no mes de Nadal. O gasto foi considerable, 3500 reais “del vestuario para los padres existentes actualmente en este convento (incluso Prior)”. A continuación desglósanse as cantidades gastadas por cada un dos Padres, algún percibindo cantidades por atrasos en gastos de roupas de ata catro anos.
A comida de ese Nadal aderezouse cunha novidade que se agregaba ás viandas dos anos anteriores, os frades mercaron ostras, unha esquisitez culinaria que non saíu demasiado cara (70 reais), ainda que daría para mercar unhas cantas empanadas.
Xabier Martínez, Baleirado documental para unha historia de San Sadurniño
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario