lunes, 27 de abril de 2009

Historia do Convento do Rosario de San Sadurniño (XII)

Igrexa Parroquial de San Sadurniño. Fotografía do ano 1924, realizada polo prestixioso arquitecto coruñés D. Antonio Tenreiro Rodríguez

1835

A peor das datas para a historia do Convento do Rosario de San Sadurniño. O corazón da comunidade dominicana que durante máis de 250 anos latira entre os muros daquel senlleiro Convento, detíñase ante un dos feitos máis nefastos para a historia e o patrimonio da España do século XIX. A desamortización non sabía de arte, provocaba desfeitas, amparábase nunha falsa idea de compartir os bens de “atesouramento e apropiamento” da Igrexa, para facela chegar ós máis pobres. A historia falou con hambrunas, enfermidades, guerras, calamidades, e máis… que levaron ós fillos da terra á propia emigración para sobrevivir. O xastre, o rasurador, a recadeira, as xentes que traballaban co gando do convento, aquel cociñeiro chamado Luis da Fraga, o seu pinche, os canteiros, os carpinteiros, os carreteiros,… quedaban sin señor.

Nacían institucións do goberno constitucional, o propio concello comezaba as súas actas no 1836. Desde el chamábase a filas unha media de 9 xoves cada ano. Moitos deles encamiñados a unha guerra carlista que dividíu políticamente o século de Galdós. Co tempo nacerían as xuntas de beneficencia, e cara ó 1855 o Concello reuniríase co crego e co coadxutor de San Sadurniño, xunto coas confrarías, para pactar e devolver parte dalgúns dos bens desamortizados. Os frades xa non estaban. Pasara o tempo e formaban xa parte dunha historia perdida que voltaría a escribirse 170 anos despois.

Estos son os derradeiros momentos daquel Convento do Rosario de San Sadurniño. Era o ano de 1835, e no mes de febreiro un dos frades viaxa a Viveiro (12 reais) chamábase Fr. Francisco. Aquela viaxe a Viveiro toparía cun convento de Santo Domingo desamortizado. Poida que aquel frade visitase ás dominicas de Viveiro, lles levase algunhas propiedades que se quixeron salvar de San Sadurniño. De feito, as dominicas de Viveiro conservan un cáliz regalado polo Prior de San Sadurniño. Poida tamén que Fr. Francisco tentara recuperar algo do Convento ou da Igrexa de Santo Domingo de Viveiro do que foran expulsados no 1828. En todas estas viaxes dos frades nos últimos momentos, debemos gardar sospeitas de que tiveron un obxectivo claro de preservar documentación e patrimonio.

No mes de marzo pagaron 60 reais de licencia de armas, e cítase en concreto nas contas, onde se di: “de tres armas”. En xullo págase roupa ós monxes, poida que para vestilos antes da viaxe na que abandonaron San Sadurniño. Mercouse vestuario para prácticamente todos: Padre Superior Sieyra, Padre Couto, Padre Bartolomé Rodríguez, Padre Predicador Manuel, Padre Organista, Padre Fr. Domingo Díaz.

Conscientes da realidade da inminente desamortización, en agosto de 1835 figuran 3500 reais “a los padres para portarlos a sus respectivos destinos”. Págase nese mes a todos aqueles que traballaran para o Convento, e entre eles cítase moi especialmente os atrasos que se pagan ó cociñeiro Luis da Fraga.

Aparece o desprendemento e xenerosidade dalgún dos membros da comunidade, que nos tempos de dificultade aportou secretamente patrimonio ás arcas do Convento:

“más quatrocientos rs al P. Presidente por limosnas secretas qe dio en varias ocasiones en tiempo de la providencia”.

Tamén se entregan ó Padre Fr. Bartolomé Rodríguez “380 rs del recargo de hebdomada mayor por falta de Religiosos”.

Enviados os Padres ós seus respectivos destinos, quedaron no Convento facendo garda e custodia Fr. Tomás Sieira e Fr. Bartolomé Rodríguez, ata o día 27 de setembro de 1835 en que as autoridades interveñen o Convento do Rosario, quedándose, entre outras cousas cos libros últimos de contas dos frades. Por este motivo a documentación que ó longo destas semanas fun presentando nos seus datos, consérvase no Arquivo do Reino de Galicia, onde se conserva aquela documentación de cando todavía eramos sete provincias. Unida a moita outra documentación, e ordeada debidamente, constituirá algún día unha obra coa historia do Convento do Rosario de San Sadurniño. Ata aquí narramos os derradeiros momentos, do ano 1824 ó 1835. En vindeiras entregas falaremos dos precedentes a toda esta etapa. Estas foron as últimas palabras anotadas cando o Convento foi intervido:

Septiembre de 1835

“En últimos de este mes haciéndose cargo el crédito público de los papeles y enseres de esta comunidad, se dio por concluido este libro, y así lo firmamos a vte y siete de septe de mil ochocientos treinta y cinco.

Fr. Thomas Sieyra Fr. Bartolomé Rezl
Presidente"

No hay comentarios: