lunes, 30 de marzo de 2009

Historia do Convento do Rosario de San Sadurniño (I)


San Sadurniño setembro de 1835
Os últimos días da Comunidade dominica do Convento do Rosario


Septiembre de 1835

“En últimos de este mes haciéndose cargo el crédito público de los papeles y enseres de esta comunidad, se dio por concluido este libro, y así lo firmamos a vte y siete de septe de mil ochocientos treinta y cinco.

Fr. Thomas Sieyra Fr. Bartolomé Rezl”
Presidente

Con estas palabras remata o derradeiro libro de contabilidade do que se apropiou o Estado coa desamortización, e que hoxe se custodia no Arquivo do Reino de Galicia (ARG 45296 signatura antiga, 484 (327) signatura actual). Por ese libro de gastos achegarémonos con este artigo a cómo viviron aqueles conventuales de Santo Domingo que moraron tras dos muros dun convento milenario, despois de máis de trescentos anos de permanencia da orde en San Sadurniño, e logo de ampliar a Igrexa e construir o actual claustro aló polo 1755.

O 20 de Marzo do mes que remata cumpríronse 501 anos da reconstrucción do Convento de San Sadurniño e rematamos un V Centenario que tivo como intención revalorizar e ollar con novos ollos este edificio que preside a vida desta pequena vila, e que alberga o Concello, os Servicios Sociais, a Garda Civil, e ata hai dous meses a Casa Reitoral.

O último libro do Convento dá inicio á contabilidade dos frades no primeiro de marzo de 1824. Por el sabemos que nese mesmo momento entraba a ser prior, subsanando unha vacante, Fr. Andrés García. O texto reza así:

“En 1 de Marzo de 1824 entrando a ejercer el Priorato de este Convento de Sta Mª la Mayor de San Saturnino, el R. P. Pred(or) titular Fr. Andres García tomó cuentas del recibo y gasto durante la vacante”.

Pouco foi o tempo que aquel prior dirixiu a vida do convento de San Sadurniño, porque nese mesmo ano, no mes de setembro cambiou o seu destino pasando a ser mestre dos estudantes do Convento da Coruña. San Sadurniño, segundo a tradición dos dominicos, era un convento de marxinalidade, onde se destinaban ós monxes de malos comportamentos e aqueles de menor valía. A capacidade intelectual do novo prior ben poidera quedar constatada pola súa breve estancia na rexiduría do Convento de San Sadurniño. O texto di:

“En vte y cinco del pte del año de mil ochocientos vte y cuatro renunciando este Priorato de nra Señora la maior del Rosario de Sn Saturnino, el M.R.P. Predic(or) Fr. Andrés García, p(r) promoción á Maestro de estudiantes del Conv(to) de nro P. Sto. Domº de la Coruña; Dio cuenta al P. Superior y Depositarios…”.

Cada vez que se realizaba o traslado dun prior o Convento pagaba os gastos da viaxe e de portes dos seus enseres, e co continuo cambio de priores que San Sadurniño vivíu en tan poucos anos debeu de padecer de continuo unha boa sangría económica. Nas contas figura que se gastaron 56 reais “de condución de los baules del P. Prior a la Coruña”. Mercáronlle tamén uns zapatos por valor de 20 reais. E incluso en Febreiro de 1825 houbo que pagar 130 reais polo seu vestuario que se quedaron a deber.

O Prior era o que saía a outras vilas a facer as compras para a comunidade. Fr. Andrés García, viaxou durante a súa curta estancia a Ferrol e a Mondoñedo.

A economía do Convento non era boa, e imos falar de varias débedas que nese verán de 1824 están a pagar, coma a que tiñan co Prior de Lugo para acompañar ós novicios do Convento a Salamanca. Esto apórtanos o dato da comunicación do Convento de San Sadurniño co de San Estevo de Salamanca, a donde probablemente acudirían os novicios para recibir a súa formación. A escola dominica salmantina era moi afamada, naqueles muros se formaron os monxes máis intelectuais da orde e de alí sairon frades sabios que seguen a ser pilares egrexios dos cauces do dereito.

“800 rs que puso el prior de Lugo para el viaje de los hijos de este Convto (novicios) a Salamanca y tuvimos que abonar”.

Ó chegar a San Sadurniño Fr. Andrés García topouse con deudas de 6136,24 reais. O convento tiña o seu claustro cheo de limoneiros coma prantación básica, estaban ben aboados con “retama” e unha horta (hoxe cementerio, centro de saúde) que lles reportaba boa parte do consumo alimentario. Pero a dieta precisaba enriquecerse con outras compras. Nese mes de marzo do ano de 1924 aparecen na cesta da compra ovos (18,18 reais), queixos (25, 16), pescado (26, 30), cebolas (7, 16), figos e un caixón de pasas (68, 16), carne (13), carne de tenreira, tripas, castañas, hortalizas, amendoas … A todo iso había que aumentarlle os gastos das formas para a comunión dos fieis (8 reais), e os gastos do xastre.

O viño non podía faltar, logo falaremos dos tipos e das súas procedencias. En Marzo de 1824 mercáronse 700 reais de viño.

A tonsura e o rapado do pelo era algo moi coidado polos frades, por iso aparecen 80 reais que nese mes de marzo se lle pagaron ó “rasureiro”.

O Convento tiña dereito a un número de carros de leña da Fraga do Marqués, que servían para subsistir durante o inverno. A xente maior lembra un porto para as barquiñas da marquesa, e consérvanse fotos de ese embarcadeiro. Pero, polos datos que fun atopando, é moi posible que este enclave tivese outra función precedente. Os frades tiñan un cargadoiro para axudarse a carretar a leña. En abril de 1824 páganse 102 reais por podar leña e traela ata o cargadoiro. Nese mesmo mes páganse 200 reais ós “serradores del bosque”, o que nos fai pensar que se trataba doutros operarios e poida que dunha madeira destinada a unha función diferente.

Algúns productos tiñan cargas e impostos, coma o sal, polo que no mes de Maio de 1824 pagouse unha contribución de 67,10 reais. E o imposto máis duro resultaba o do Estado, a quen viñan pagando nese ano 1176 reais en concepto de “Cámara Generalicia”.

A medicina e a veterinaria asemellábanse nas sangrías que tiñan que padecer ata os mesmos animais. Así, no mes de maio realizáronse sangrías ós cabalos.

Nese ano está en curso un preito pola auga, por este libro descoñecemos con quen, pero dícese que no mes de Maio entregóuselle copia do preito á marquesa, tendo un gasto de papel e do amanuense de 66 reais.

Para o Convento traballaban unha serie de persoas da vila, a quenes lles entregaban mensualmente as súas pagas que denominaban “soldadas”. Durante todos estos últimos anos dos frades foi o cociñeiro deles Luis da Fraga, que ás veces era axudado por un pinche.

Naquel tempo non había botica en San Sadurniño, e acudían ó boticario de Neda (vila da que San Sadurniño tivo que ter unha forte dependencia nos séculos XVI, XVII, e XVIII, dada a súa importancia e cercanía). En 1824 gastáronse 311 reais na botica nedense.

O tempo xa non se medía so polo reloxo de sol que todavía na actualidade pendura no claustro, senón que consta que existían lo menos varios reloxos de maquinaria, porque nese ano gástanse 20 reais na “composición de un reloj”.

Para traballar na horta e cortar a herba cumpría mercar ferramentas coma as “tres azadas” que se mercaron nese ano por 21 reais (un real máis ca os zapatos do Prior).

Nese ano fixéronse pequenos arranxos polo que figuran 8 reais a un carpinteiro no mes de maio e 144 reais de cal no mes de xuño.

Os cuartos do convento tiñan o nome preciso que se lles atribue en tódolos Conventos, así había un refectorio para o que en xuño se mercou unha “alcuza” por 5 reais, unha bodega para a que se mercaron dúas billas por 30 reais.

Dícese que en San Xoán a sardiña molla o pan, e certamente no mes de xuño de 1824 consumíronse sardiñas no Convento de San Sadurniño, que valeron 19,16 reais, xunto a 49,26 reais gastados noutros pescados. A sardiña, pola súa conservación desde o método da salazón, aparece na documentación a miudo. Algo celebrarían os monxes cando nese mes tamén se mercaban postres (2,12 reais).

No mes de xullo son sempre as festas de Santa Isabel, e os frades celebrábanas con chocolate. Primeiro había que molelo e por iso aparece nese ano 367,28 reais de “molienda” de chocolate para a orde. Houbo que amañar a chocolateira xunto cun farol (6 reais), mercáronse 16 reais de bizcoitos, 3,4 reais de augardente, 3,16 de arroz, 5,14 reais de fideos e café, 4,20 reais de “cazuela e pimentón”. Así foron as festas.

Non podía faltar a celebración ó Fundador da Orde, Santo Domingo de Guzmán, o oito de Agosto. Na contabilidade do mes de agosto figuran 15 reais de fruta, e tamén mercouse manteiga fresca para o que eles denominaban o día do “Patriarca”.

Aproveitando o verán os frades cambiaron as tellas, mercaron 1300 tellas, tiveron que pagarlle a un carpinteiro, e ó mesmo tempo estaban a realizar tarefas de canteiría, sabemos o nome de dous dos canteiros: Tomás Martínez e Manuel (percibiron 64,24 reais).

Entre as “soldadas” pagadas en agosto aparecen as pagadas ó ferreiro por ferraduras e polo “veo” do muiño que foi preciso arranxar. Pagáronse tamén “soldadas” a un criado (Pedro Díaz), os 48 reais pagados a un ciruxán, e as débedas por anos atrasados a outro dos traballadores (Gregorio Martínez que percibiu 269 reais). As débedas eran normais nesta última etapa da vida do Convento, así por exemplo, no mes de xullo pagáranlle 198 reais ó cura de Anca que no ano 1923 lles emprestara doce ferrados de trigo.

Coa festividade da Inmaculada realizábase un sermón especial, e acudían incluso predicadores doutros conventos.

O ano de 1824 remataba coas festas da Natividade en que o menú se facía un pouco máis especial gastando 30 reais en postres. O Convento remata este ano en vacante de Prior, situación na que permanecerá ata o 30 de Abril de 1825.

Xabier Martínez, Baleirado documental para unha historia de San Sadurniño

No hay comentarios: