martes, 7 de abril de 2009

Historia do Convento do Rosario (IV)


1827

Algo está a cambiar neste ano no panorama histórico que afecta no mismo lugar de San Sadurniño. Os frades toman medo ante algunha circunstancia e fanse cun arma. Co tempo, irán mercando tamén cans, como veremos en contas de vindeiros anos, para protexerse no Convento. En Xaneiro de 1827 piden un arma á autoridade e pagan pola súa licencia:

“30 rs de la licencia pª usar de un arma que se pidió a la policía”.

Entre as compras do mes de Marzo é salientable a de “pulpo 15 rs, media arroba”. Nese mes revélanse problemas que están a acontecer co cura de Neda, polos que cursan dilixencias por medio do notario “Villar Nobo”, gastando neste e en avogados 193, 28 rs, levando o caso ó procurador de Mondoñedo.

Nese mes mércase gran cantidade de roupas litúrxicas por valor de 6129 reais. Nas contas aparecen pormenorizadamente todas elas, entre as que cabe destacar un terno que se trae de Santiago de Compostela. A comunidade de San Sadurniño estaba equipándose e renovando a equipación litúrxica, dado que neste ano merca grande cantidade de roupas, pero en vindeiros anos comprobamos a merca de valiosos libros litúrxicos.

En Maio de 1827 existe unha tasación de metais dentro do convento. ¿Necesidade ou medo de desfacerse da prata? ¿Algunha doación dalgún frade ou fiel? O caso é que se cita que se trouxo ó “alquilatador” e aparece relacionado cun frade, Fr. Gregorio Trigo (28,45 rs alquilatador que trajo a Fr. Gregorio Trigo).

En Xuño tívose que pagar un novo imposto, os catro reais por razón do “Diputado de Cortes”. Imposto que non gusta á comunidade, que protesta, pero que se ve na obriga de pagar tamén os correspondentes ós anos 1825, 1826. “Se pagaron con protesta por ser una nobedad y por no haverse exigido jamás ni pagado”.

En Xullo unha nova carga de viño chegaba procedente de Ribadavia (875,10 rs). En Agosto pagouse ó rasurero, Antonio Couce, 100 reais polos cortes de pelo. En Setembro 7 reais ó sacristán Castrillon polo mes, e 220 reais pola suscrición á Gaceta. Nese mes un dos organistas marcha, chamábase Ramón Bas, e páganselle 194 reais que se lle debían.

En Outono descobrimos unha gran obra, a “muralla do bosque”, é dicir, o muro que baixa ó son das escaleiras do Rosario ata a fonte e que continúa ata o “muiño do marqués”. Foron 162 carros de barro cun gasto de 3337 reais, pagáronse 485 reais ós canteiros, e o muro encalouse con 26 “quintales de cal”. Movéronse para a obra 26 carros de area. Houbo que compoñer picos e outras ferramentas para traballar na canteira, polo que se lle pagou ó ferreiro 180 reais. Empregouse pólvora (catro libras) para arrincar a pedra na Canteira do Marqués. A cuantía foi:

“7457, 17 reais de subir la muralla del bosque desde el atrio hasta el Molino del Sr. Marqués”.

Non foi a única obra que se estaba a realizar nese ano. O claustro non estaba rematado completamente, un dos pórticos dos claustros estaba sin rematar, e esa obra realízase neste momento. Esto explica que o chan do claustro do convento non teña pedra, porque neses anos contínuase todavía a obra, e probablemente empedralo sería unha obra final prevista.

En novembro marcha Fr. Gregorio Trigo para Coruña, e mércaselle un hábito e un sombreiro para que vaia con maior decencia. O 2 de Novembro de 1827 marcha o Prior Fr. José García “por traslación al Confesorio de las monjas de Sto Domingo el Real de Madrid”.
Tamén en Novembro chega leña dende Agra ó Convento, e retama para cubrir (abonar) os limoneiros do claustro. O menú das ostras do nadal pasado debeu convencer. Neste nadal volven a ser o menú. 18 reais de ostras.

Xabier Martínez, Baleirado documental para unha historia de San Sadurniño

No hay comentarios: