lunes, 27 de abril de 2009

Historia do Convento do Rosario de San Sadurniño (XI)

Claustro do Convento de San Estevo de Salamanca

1834

Achegámonos ós momentos finais da vida do Convento do Rosario. Na memoria dos nosos maiores quedou a lembranza de que nestes últimos anos os frades tocaban as campás para que lles acudisen as xentes da vila nos momentos en que poidesen achegarse forzas do orde para expulsalos.

O certo é que neste ano de 1834 existen varias viaxes dos padres de esta comunidade. En febreiro o Padre Fr. Franco viaxa a Viveiro (26 reais), en xullo o Padre Fr. Moreyra a “Valencia de Dn Juan” (640 reais). O Padre Prior (31 reais) por unha viaxe no mes de agosto á Coruña.

Si nas contas do ano anterior aparecían 20 reais pola licencia dun arma, nas contas do mes de marzo de 1834 aparecen 60 reais ¿licencia de tres armas?. A comunidade intenta levar unha vida normal, nese mes de marzo incluso se merca a casa do lugar de Villarino a don Ramón Castedo por 500 reais, e se compón a casa do Val (97 reais). Arránxase un reloxio (16 reais) e fanse gastos de vestuario de 1162 reais.

En abril proxiguen os gastos de vestuario (1460 reais) para as roupas en concreto dos Padres Fr. Domingo e Fr. Ignacio. Cómpre tamén ir devolvendo diñeiros emprestados por algún dos Padres para as grandes obras do ano anterior. Normalmente está mandado que os Padres non teñan diñeiro propio, pero non sabemos si neste caso existía algunha excepción ou o diñeiro era das súas familias, o caso é que nas contas de abril aparece que:

“Mas pagamos 15.000 rs alos Padres Fr. P. Couto y Fr. Bartolomé Rez qe prestaron pª la obra nueba”.

A entrega de diñeiros nese ano continúa coa entrega de 2200 reais a finais de ano ó Padre M. García.

A saude dos frades precisaba algunha que outra atención, e no mes de maio págase ó médico. Nas contas xúntase este feito a gastos de Fr. Domingo a Betanzos. ¿Estaba Fr. Domingo enfermo?:

“1327 rs del medico y mas gastos de Fr. Domingo en Betanzos”.

En xullo, páganse 189 reais do vestuario do Padre Fr. Basilio. Penso que xuntando os últimos nomes que aquí van aparecendo, temos os nomes de prácticamente case os oito frades que viviron os seus últimos anos neste convento. As contas do ano 1835 cumplimentarán a lista.

Coma tódolos anos a comunidade prepárase para ese inverno de 1834. Poida que o clima difícil no que se atopaban facía sospeitar que algo podía pasar. Poida que nunca chegasen a pensar que aquel sería o seu derradeiro inverno no Convento do Rosario de San Sadurniño. Aprovisionaron leña durante o verán coma tódolos anos:

“308 rs de la corta y carreta de la leña de la fraga del Sr Marqués”.

No mes de agosto remata o mando o penúltimo prior do Convento:

“Concluyó el Priorato el M. R. P. Presentado Fr. Fructuoso Castaño, y principian las quentas de la Presidencia”.

O Convento de Santo Tomás de Madrid xa sufrira graves daños (o 17 e 18 de xullo), en Madrid as cousas van mal e a tensión medra. Os frades de San Sadurniño apenados polas novas que lles chegan de Madrid deciden colaborar na restauración dos daños sufridos na súa casa dominica en Madrid. Deciden enviar unha forte cantidade, pero ao marxe da anotación seguinte aparece escrito que “no tubo efecto esta oferta”:

“mas 3000 rs de limosna al convto de Sto Tomé de Madrid, y Camara Generalicia, pr los descalabros qe sufrieron el diez y siete y diez y ocho de Julio”.


VISTA DA IGREXA DE SANTO TOMÉ DENDE A PRAZA DE SANTA CRUZ (fotografía realizada por J.Laurent en 1875)


O patio do convento de Santo Tomás foi considerado exemplo do barroco madrileño. O grabado, aparecido a finais do século XIX en "La Ilustración Española y Americana" está tomado dunha fotografía de Laurent.


Xabier Martínez, Baleirado documental para unha historia de San Sadurniño

No hay comentarios: