domingo, 29 de julio de 2012

17º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura 2 Re 4, 42-44
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Comerán e sobrará

Daquela chegou de Baal-Xalixah un home, que lle traía ao home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa.
Eliseo díxolle:
"Dállos á xente, e que coman".
O seu servidor preguntoulle:
"Que é isto para cen persoas?".
A iso Eliseo respondeu:
"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará".
El serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra do Señor.

Palabra do Señor R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 10-11. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti, Señor, a túa man e dásnos fartura.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.



Segunda Lectura Ef 4, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Un corpo, un Señor, unha fe, un bautismo

Irmáns:
Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da vocación que recibistes, con total humildade, mansedume e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz.
Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

Palabra do Señor R/. Grazas a Deus


ALELUIA Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta apareceu entre nós,
e Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.


Evanxeo Xn 6, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Repartiu entre os sentados canto quixeron

Naquel tempo, foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos.
Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:
Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? (isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía facer).
Respondeulle Filipe:
Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero, que é iso para tantos?
Xesús ordenou:
Facede sentar a xente.
Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu aos sentados canto quixeron; fixo o mesmo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:
Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran aos que comeron. ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ao mundo".
Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse outra vez ao monte el só.

Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo



CANDO DEUS SE CONVERTE EN SOLIDARIEDADE, O POUCO SEMPRE É MOITO.
SEN EL, O MOITO QUEDA EN NADA
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
A medida que pasan os días as dificultades son cada vez maiores e a esperanza vai esmorecendo. O que noutro tempo era de moitas cores, pasou logo a gris, para irse convertendo, cada vez para máis persoas, na negrura máis absoluta. A negrura de quen non ve saída e a quen todas as posibilidades se lle van pechando; a negrura da decepción de quen se esforzou, buscou e non conseguiu atopar un pequeno claro na súa vida.
En situacións así, a fe, sen que teña solucións de tipo técnico, convértese en pequena lumieira que vai mantendo a forza para non virse abaixo de xeito definitivo. Unha fe que ve en Xesús a aquel que loitou contra toda desesperanza, que confiou a pesar de que os seus o abandonaran renegando del. Como lle ocorreu a Xesús, tamén a fe volve a ofrecérsenos como chama que mantén viva en nós a capacidade de non deixarnos vencer polo abatemento e a desesperación, creando redes de solidariedade, axuda, escoita e achega, facéndonos sentir comunidade que se quere e preocupa polo que lles pasa aos seus membros. Que saibamos aproveitar o pouco ou o moito para, desde nós, vivilo con quen o necesite.

O PERDÓN
  • Por non querer comprender que o pouco compartido convértese en moito solidario, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
  • Por desperdiciar tempo e ocasións nas que poder ser samaritanos dos irmáns e das irmás, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
  • Porque nos xuntamos para as celebracións dominicais, pero ás veces estamos moi lonxe de formar comunidades cristiás, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.

REMUÍÑO
  • No noso mundo egoísta e autosuficiente, tanto ao servidor de Eliseo coma ao propio Filipe, poderíamos describilos coma persoas realistas, cos pés no chan: con tan pouco pan, non chega para tanta xente..... E claro, se funcionamos así a solución que se impón é contundente: se non hai para comezar, mellor non preocuparse!!!!. Esa é a nosa lóxica infantil e inmatura: se eu non son presidente de goberno nin teño ningunha responsabilidade política, social ou económica, que vou facer diante de temas coma a crise económica, a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o deterioro do medio ambiente...... Botamos balóns fóra, rañamos os nosos petos cando hai unha colecta especial para os pobriños do terceiro mundo, mesmo derramamos algunha bágoa cando a televisión nos mostra a crúa realidade na que malviven...; pero, a outra cousa bolboreta!!!!: aos cinco segundos xa nos esquecemos e imos de novo ao noso.
  • Porén, a lóxica de Eliseo e a de Xesús é outra ben diferente: dá o que teñas, así haberá suficiente para todos e aínda sobrará...Por que nos custa tanto razoar así, por que se nos fai tan costa arriba? Non será porque nos contaminamos nesta sociedade materialista e egoísta na que estamos acostumados ao intercambio -dou para que me dean- e non temos en conta o valor da gratuidade? Esquecemos que mentres só deamos as sobras do que temos nunca conseguiremos que chegue para todos. Mentres non nos eduquemos na austeridade e no compartir, como moito chegaremos a tranquilizar enganosamente a nosa conciencia; pero seguirá a faltar o pan para moitas persoas. E o que dicimos das cousas materiais, tamén o podemos dicir das nosas calidades, pois moitas veces parapetámonos en expresións do tipo “eu son tan pouca cousa...”, “iso ten que facelo xente preparada, non coma min”... e outras lindezas parecidas para aforrarnos o perder a tranquilidade do noso ir facendo. E así privamos aos demais da nosa achega.

  • Dádelles vós de comer”. O pobo está a pasar por unha tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis feliz, senón tamén, coma a multitude que acompañaba a Xesús, a fame e a indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios, contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
  • Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón? O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Unámonos en oración a Deus, para que El alente o noso camiño de fe desde o compartir con humildade canto somos e temos e digamos xuntos:
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS

  • Moitas veces, Señor, esquecemos que somos Igrexa; unha Igrexa na que Ti nos invitas a camiñar e vivir na comuñón, o respecto e non na imposición, para que sempre o teñamos presente, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
  • Moitas veces, Señor, esquecemos que somos comunidade; unha comunidade formada cos que temos ao noso lado: os familiares, os veciños, os compañeiros de traballo, os amigos.... Para que volvamos sentir o gozo do compartir coma un dos valores fundamentais da nosa fe, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
  • Moitas veces, Señor, esquecemos que os camiños da vida teñen ida e volta, e non nos damos conta de que o hoxe lle está a pasar ao veciño, irmán, amigo... mañá pode pasarnos a nós. Para que non nos sintamos superiores a ninguén, senón sempre preocupados e achegados a quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS

Que o corazón ,Señor, saibamos abrilo para entender e acompañar o sufrimento, as dificultades e tamén os gozos e esperanzas dos irmáns e das irmás. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Danos o pan de cada día,
danos folgos para traballar a terra
e sementar e recoller e repartir e comer.
Danos o de cada día,
non o de mañá ou o de pasadomañá,
para que non confiemos nas nosas seguridades,
senón en Ti e na túa providencia.
Arrinca de nós a ambición,
para que non acaparemos o das outras persoas,
para que non as despoxemos do seu,
senón que saibamos respectar e colaborar.
Líbranos do egoísmo.
Aparta de nós a tentación
do crecemento indefinido.
Non nos deixes caer na soberbia nin na autosuficiencia,
nin na indiferenza nin no racismo.
Concédenos un corazón novo
para poder chamarte cada día Pai-Nai,
para chamar a todas as persoas irmás,
para ser irmáns e irmás repartindo,
compartindo,
sentados á mesma mesa neste mundo,
para sentar contigo na mesa do teu reino. Amén.

CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

2 comentarios:

Nuria Nuñez dijo...

Ola a todos:

Son Nuria Núñez de"xanostesaqui", vexo que seguides a miúdo o meu blogue e gustaríame poñer a vosa ligazón e que puxerades vós a miña se vos parece ben.

Unha aperta grande desde Ponteareas.

Nuria Nuñez dijo...

Ola a todos:

Son Nuria Núñez de"xanostesaqui", vexo que seguides a miúdo o meu blogue e gustaríame poñer a vosa ligazón e que puxerades vós a miña se vos parece ben.

Unha aperta grande desde Ponteareas.