17º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO
B
Primeira Lectura 2 Re 4, 42-44
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Comerán e sobrará
Daquela chegou de Baal-Xalixah un home, que lle traía
ao home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na
alforxa.
Eliseo díxolle:
"Dállos á xente, e que coman".
O
seu servidor preguntoulle:
"Que é isto para cen persoas?".
A
iso Eliseo respondeu:
"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor:
comerán e sobrará".
El serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou,
conforme a palabra do Señor.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 10-11. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti, Señor, a túa man
e dásnos fartura.
Que te loen, Señor, as túas obras,
e
te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e
falen do teu poder.
Os ollos de todos están postos en ti,
e
dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e
dáslle fartura a todo ser vivo.
O
Señor é xusto en todos os seus camiños,
e
santo en todas as súas obras.
O
Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.
Segunda Lectura Ef 4, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
EFESIOS
Un
corpo, un Señor, unha fe, un bautismo
Irmáns:
Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a
dignidade da vocación que recibistes, con total humildade, mansedume e
paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade
do espírito no vínculo da paz.
Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que
se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só
Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Lc
7, 16
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Un gran profeta apareceu entre nós,
e
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.
Evanxeo Xn 6, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Repartiu entre os sentados canto quixeron
Naquel tempo, foi Xesús á
outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente,
porque viran os sinais que facía nos enfermos. Subiu Xesús ao monte e sentou alí
cos seus discípulos.
Estaba a chegar a Pascua,
a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el,
díxolle a Filipe:
Onde imos mercar pan, para
que coma esta xente? (isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía
facer).
Respondeulle
Filipe:
Nin medio ano de xornal
chega para que cada un deles reciba un codelo.
Un dos seus discípulos,
Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
Hai aquí un rapaz que ten
cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero, que é iso para
tantos?
Xesús
ordenou:
Facede sentar a
xente.
Había moita herba naquel
sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans e, dando
grazas, repartiu aos sentados canto quixeron; fixo o mesmo cos peixes. Cando se
fartaron, díxolles aos seus discípulos:
Recollede os anacos
sobrantes, para que non se estrague nada.
Entón xuntáronos e
encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles
sobraran aos que comeron. ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían:
"Este si que é o profeta que había de vir ao mundo".
Entón Xesús, decatándose
de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse outra vez ao monte el
só.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
CANDO DEUS SE CONVERTE EN SOLIDARIEDADE, O POUCO
SEMPRE É MOITO.
SEN EL, O MOITO QUEDA EN
NADA
TOMADO
DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
A
medida que pasan os días as dificultades son cada vez maiores e a esperanza vai
esmorecendo. O que noutro tempo era de moitas cores, pasou logo a gris, para
irse convertendo, cada vez para máis persoas, na negrura máis absoluta. A
negrura de quen non ve saída e a quen todas as posibilidades se lle van
pechando; a negrura da decepción de quen se esforzou, buscou e non conseguiu
atopar un pequeno claro na súa vida.
En situacións
así, a fe, sen que teña solucións de tipo técnico, convértese en pequena
lumieira que vai mantendo a forza para non virse abaixo de xeito definitivo.
Unha fe que ve en Xesús a aquel que loitou contra toda desesperanza, que confiou
a pesar de que os seus o abandonaran renegando del. Como lle ocorreu a Xesús,
tamén a fe volve a ofrecérsenos como chama que mantén viva en nós a capacidade
de non deixarnos vencer polo abatemento e a desesperación, creando redes de
solidariedade, axuda, escoita e achega, facéndonos sentir comunidade que se
quere e preocupa polo que lles pasa aos seus membros. Que saibamos aproveitar o
pouco ou o moito para, desde nós, vivilo con quen o necesite.
O PERDÓN
-
Por non querer comprender que o pouco compartido convértese en moito solidario, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
-
Por desperdiciar tempo e ocasións nas que poder ser samaritanos dos irmáns e das irmás, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
-
Porque nos xuntamos para as celebracións dominicais, pero ás veces estamos moi lonxe de formar comunidades cristiás, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
REMUÍÑO
-
No noso mundo egoísta e autosuficiente, tanto ao servidor de Eliseo coma ao propio Filipe, poderíamos describilos coma persoas realistas, cos pés no chan: con tan pouco pan, non chega para tanta xente..... E claro, se funcionamos así a solución que se impón é contundente: se non hai para comezar, mellor non preocuparse!!!!. Esa é a nosa lóxica infantil e inmatura: se eu non son presidente de goberno nin teño ningunha responsabilidade política, social ou económica, que vou facer diante de temas coma a crise económica, a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o deterioro do medio ambiente...... Botamos balóns fóra, rañamos os nosos petos cando hai unha colecta especial para os pobriños do terceiro mundo, mesmo derramamos algunha bágoa cando a televisión nos mostra a crúa realidade na que malviven...; pero, a outra cousa bolboreta!!!!: aos cinco segundos xa nos esquecemos e imos de novo ao noso.
-
Porén, a lóxica de Eliseo e a de Xesús é outra ben diferente: dá o que teñas, así haberá suficiente para todos e aínda sobrará...Por que nos custa tanto razoar así, por que se nos fai tan costa arriba? Non será porque nos contaminamos nesta sociedade materialista e egoísta na que estamos acostumados ao intercambio -dou para que me dean- e non temos en conta o valor da gratuidade? Esquecemos que mentres só deamos as sobras do que temos nunca conseguiremos que chegue para todos. Mentres non nos eduquemos na austeridade e no compartir, como moito chegaremos a tranquilizar enganosamente a nosa conciencia; pero seguirá a faltar o pan para moitas persoas. E o que dicimos das cousas materiais, tamén o podemos dicir das nosas calidades, pois moitas veces parapetámonos en expresións do tipo “eu son tan pouca cousa...”, “iso ten que facelo xente preparada, non coma min”... e outras lindezas parecidas para aforrarnos o perder a tranquilidade do noso ir facendo. E así privamos aos demais da nosa achega.
-
“Dádelles vós de comer”. O pobo está a pasar por unha tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis feliz, senón tamén, coma a multitude que acompañaba a Xesús, a fame e a indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios, contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
-
Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón? O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?
ORACIÓN DA
COMUNIDADE
Unámonos en oración a Deus, para
que El alente o noso camiño de fe desde o compartir con humildade canto somos e
temos e digamos xuntos:
QUE NON
ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
-
Moitas veces, Señor, esquecemos que somos Igrexa; unha Igrexa na que Ti nos invitas a camiñar e vivir na comuñón, o respecto e non na imposición, para que sempre o teñamos presente, OREMOS.
QUE NON
ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
-
Moitas veces, Señor, esquecemos que somos comunidade; unha comunidade formada cos que temos ao noso lado: os familiares, os veciños, os compañeiros de traballo, os amigos.... Para que volvamos sentir o gozo do compartir coma un dos valores fundamentais da nosa fe, OREMOS.
QUE NON
ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
-
Moitas veces, Señor, esquecemos que os camiños da vida teñen ida e volta, e non nos damos conta de que o hoxe lle está a pasar ao veciño, irmán, amigo... mañá pode pasarnos a nós. Para que non nos sintamos superiores a ninguén, senón sempre preocupados e achegados a quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE NON
ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
Que o
corazón ,Señor, saibamos abrilo para entender e acompañar o sufrimento, as
dificultades e tamén os gozos e esperanzas dos irmáns e das irmás. P.X.N.S.
Amén.
PARA A
REFLEXIÓN
Danos o pan de cada
día,
danos folgos para traballar a
terra
e sementar e recoller e repartir e
comer.
Danos o de cada día,
non o de mañá ou o de
pasadomañá,
para que non confiemos nas nosas
seguridades,
senón en Ti e na túa
providencia.
Arrinca de nós a
ambición,
para que non acaparemos o das
outras persoas,
para que non as despoxemos do
seu,
senón que saibamos respectar e
colaborar.
Líbranos do egoísmo.
Aparta de nós a
tentación
do crecemento indefinido.
Non nos deixes caer na soberbia nin
na autosuficiencia,
nin na indiferenza nin no
racismo.
Concédenos un corazón
novo
para poder chamarte cada día
Pai-Nai,
para chamar a todas as persoas
irmás,
para ser irmáns e irmás
repartindo,
compartindo,
sentados á mesma mesa neste
mundo,
para sentar contigo na mesa do teu
reino. Amén.
CANTOS
-
ENTRADA: Vinde axiña
-
LECTURAS: O amor é o meirande
-
OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
-
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida
2 comentarios:
Ola a todos:
Son Nuria Núñez de"xanostesaqui", vexo que seguides a miúdo o meu blogue e gustaríame poñer a vosa ligazón e que puxerades vós a miña se vos parece ben.
Unha aperta grande desde Ponteareas.
Ola a todos:
Son Nuria Núñez de"xanostesaqui", vexo que seguides a miúdo o meu blogue e gustaríame poñer a vosa ligazón e que puxerades vós a miña se vos parece ben.
Unha aperta grande desde Ponteareas.
Publicar un comentario