Domingo 15 de Ordinario - ciclo B
XV DOMINGO DO TEMPO
ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura Am 7, 12-15
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Vaite como profeta ao meu pobo
Naquel tempo, díxolle
Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:
- "Vidente,
vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".
Respondeu Amós e
díxolle a Amasías:
- "Nin eu son
profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
mais foi o Señor quen me colleu de trala grea
e foi o Señor quen me dixo:
vai profetizar ao meu pobo Israel.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 84,
9ab-10. 11-12. 13-14
R/. (8): Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános
a túa salvación.
Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.
A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.
O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.
Segunda Lectura Ef 1, 3-14
(longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Nel elixiunos antes da constitución do mundo
Bendito sexa Deus, o
Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos,
en Cristo.
Nel escolleunos, antes
da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo
amor.
El predestinounos a
sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da
súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente
derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
Nel, no seu sangue,
alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza,
que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a
coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na
plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e
canto hai na terra.
Por El tamén nós tivemos
a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo
conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa
antes tiñamos a esperanza en Cristo.
Vós tamén, despois de
escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel,
quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza,
para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa
gloria.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
___________________________________________
Ou: 3-10 (máis breve)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Bendito sexa Deus, o
Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos,
en Cristo.
Nel escolleunos, antes
da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo
amor.
El predestinounos a
sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da
súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente
derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
Nel, no seu sangue,
alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza,
que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a
coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na
plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e
canto hai na terra.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do noso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.
Aleluia.
Evanxeo Mc 6, 7-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Empezou a mandalos
Naquel tempo, chamou
Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os
espíritos malos.
Recomendoulles que non
levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos
na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E
avisounos:
‑ Cando entredes nunha
casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin
vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de
aviso.
Marcharon, e
predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos,
unxíndoos con aceite.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
NON FAGAMOS CASTAS QUE SE ENROCAN EN SI MESMAS, SENÓN COMUNIDADE
VIVAS DE DIÁLOGO E PARTICIPACIÓN
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
En tempos difíciles, a
tentación é baixar a garda das convicións, dos valores e dos principios e
arrimarse ao sol que máis quenta. E isto é o que moita xente está a facer hoxe
en día desde unha actitude do “sálvese quen poida”; o que non deixa máis que
translucir unha fonda desesperanza á vez dunha fonda desconfianza en todo e
todos. Porén, para nós os cristiáns a fe quere ser sempre un plus de sentido, estímulo, ilusión, constancia e esperanza. Cada
unha destas afirmacións ponnos de manifesto que crer é forza, sentido e loita
nas dificultades, de aí que non deberamos esquecer que neste momento non nos
toca baixar a garda e deixarnos ir; ao contrario, correspóndenos a nós, cando
parece que todo se derruba e que a confianza non ten espazo no mundo actual,
manter viva a presenza da mensaxe de Xesús que, unha vez máis, chámanos a non
caer na mediocridade. Venzamos a tentación de enrocarnos e desconectar do que
pasa no mundo, superemos o complexo de inferioridade no que moitas veces caemos
os crentes, e sintamos a radicalidade dunha mensaxe que desde a fe nos invita a
estar no mundo con actitude activa e nunca xustificadora do engano, a mentira e
a cobiza.
O PERDÓN
Polas
veces nas que o medo nos fixo pecharnos en nós mesmos, desprezando aos que non
pensan coma nós, SEÑOR, QUE NON
CONVERTAMOS A RELIXIÓN NUNHA CASTA.
Polas
veces en que nos sentimos superiores e desprezamos aos demais, CRISTO, QUE NON CONVERTAMOS A RELIXIÓN
NUNHA CASTA.
Por
ser demasiado cobizosos, e esquecernos das necesidades e preocupacións dos
demais, SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A
RELIXIÓN NUNHA CASTA.
REMUÍÑO
ü Nin
eu son profeta, nin da caste dos profetas, xa que son gandeiro e coidador de
sicómoros: Moitas
persoas, por alardear, danse de cultas, importantes, con poder... querendo ser
profetas para o noso tempo. Uns profetas que pouco ou nada teñen que ver con
aqueles dos que nos fala a lectura de hoxe. A diferenza do que ocorre hoxe, o
profeta Amós fala desde a humildade,
a sinxeleza, a realidade. Cómo un simple gandeiro e coidador de figueiras podía
aspirar ao que supuña ser profeta?. Pero é a súa sinxeleza o que fai que Deus
se fixe nel e lle encomende unha misión, porque para Deus, a diferenza do que
ocorre con nós, non é a prepotencia senón a sinxeleza e a humildade o
importante, de aí que lle encomende a Amós a misión de ser a súa voz, os seus
ollos, o seu corazón. E do mesmo xeito que lle fai esta encomenda ao profeta
nola fai a cada un de nós: somos os seus profetas no aquí e agora de cadaquén, somos
profetas deste Deus, non de poder, ambición ou medo, senón Deus da tenrura, a
solidariedade e a confianza. El lánzanos o reto; a nós correspóndenos acollelo
ou non. É por ese camiño polo que temos que ir para poder percibir a
misericordia que nos mostra cada día.
ü Porque
nos escolleu: A
Idea de que somos nós a voz de Deus neste momento e para este tempo, vólvenola
repetir Paulo na carta aos cristiáns de Éfeso cando afirma que foi El quen os
escolleu, e se o fixo é porque sempre terma, se preocupa, acompáñanos e quere
sempre o mellor. Canto lle dicía Paulo a aqueles primeiros cristiáns dínolo e
vale tamén para nós dous mil anos despois. Por iso debemos estar, e de feito estámolo,
agradecidos e orgullosos por esta preocupación, por telo sempre ao noso lado,
por ser o mellor compañeiro na viaxe que cada un facemos ao longo da vida. Pero
é a súa unha escolla en liberdade, o que supón que diante da chamada que nos
fai, a resposta ha ser persoal, de cada un. Non vale o ter nacido aquí,
pertencer a esta cultura ou repetir, por tradición, o que xa fixeron os nosos
pais ou avós. Esa resposta ha estar moi por riba de costumes, para mostrarse
nos feitos, na maneira de poñerlle rostro e vida aos valores e actitudes que,
desde o evanxeo, imos descubrindo en Xesús. Necesitamos logo tomar en serio a
fe, e cando pedimos un sacramento, vimos ás celebracións, participamos nos
grupos de formación que nos ofertan, facémolo porque atopamos neles a
oportunidade de seguir afondando, madurando e coñecendo moito máis o que se
esconde detrás desas tres palabras que tantas veces usamos, e que non sempre
reparamos no que significan, como son “eu
son crente”. Non pode haber un crer sen vivir, como tampouco podemos
afirmar que vivimos como cristiáns se non cremos nin coñecemos cales son os
cimentos sobre os que se constrúe a fe de cada un de nós. Que sigamos camiñando
polos vieiros que van facendo de nós resposta á elección que Deus fixo; e nos
faga rebordar, o que hoxe non nada doado, de esperanza.
ü Recomendoulles
que non levasen nada para o camiño: Na sinxeleza da elección que El nos fai, na maneira
de concretar esta resposta por parte de cada un/a de nós, vaise facendo
realidade a fondura da fe na nosa vida. Cando Xesús envía aos discípulos,
explícalles o difícil e duro do cometido. Á incomprensión por parte dos que
mandan, engádeselle a coherencia no xeito de vivir, para poder ser verdadeiras
testemuñas, rostros e signo de Cristo. A chamada a non levar nada non é máis
que a expresión de que os corazóns apegados ao poder, aos cartos, ao dominio
sobre os demais, ao ter capacidade de comprar vontades e impoñer criterios e
visións, ao... non é máis que a antítese de canto fixo e dixo Xesús. Coma aos
doce noutro tempo, tamén a nós hoxe, Xesús nos chama e nos envía, pero inda que
cambiou o mundo, non cambiaron as condicións. Ao contrario, neste momento,
nunca máis ca hoxe, necesitamos toda a radicalidade posible á hora de vivir o
evanxeo para facelo crible aos homes e mulleres do noso tempo. Xa non son o
poder, as ansias de dominalo todo e de impoñer como única a visión non do evanxeo
senón dos dirixentes da Igrexa, o que hoxe fai visible a Cristo. Máis ben todo
o contrario. A El só poderemos mostralo nas actitudes de xustiza, igualdade,
liberdade, diálogo, desprendemento, acollida, tenrura e todas aquelas outras
que poñendo a persoa no centro, vaian construíndo espazos de humanidade e
tolerancia. Certamente, como Igrexa, e mirando cara atrás, e non moito atrás na
historia, temos que pedir moitas veces perdón, e necesitamos ser perdoados, por
tódalas veces nas que esquecendo estas actitudes, e polo tanto o evanxeo,
convertémolo nunha ideoloxía de poder, acumulación de riqueza e dominio, como
contradicindo a praxe e a mensaxe de quen nos diciamos discípulos. O seu ide
aos apóstolos, segue sendo o ide a nós, apóstolos e profetas no medio do noso
mundo, para que a súa palabra ilumine e ilusione o noso vivir e o dos irmáns.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque
queremos sentir a quentura da comunidade que acompaña o noso vivir cotián,
unímonos para compartir esta oración que sendo de todos, vai manifestando as
nosas angueiras e os nosos desexos. Facémolo dicindo:
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*
Para
que na Igrexa, principalmente, inda
que non exclusivamente, nos seus dirixentes, busquemos traballar con e desde a
humildade, a sinxeleza e o diálogo co mundo no que vivimos, OREMOS
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*
Que
desde a maneira de actuar nas nosas comunidades, sexamos recendo de acollida,
liberdade e respecto ao parecer do outro, preocupándonos por quen está
precisado do noso tempo, Oremos.
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*
Que
a resposta que persoalmente deamos á chamada que nos fai Xesús estea sempre
impregnada da sinxeleza do evanxeo e da humildade do actuar de tantos homes e
mulleres que ao longo dos séculos quixeron facelo vida, e nunca na prepotencia
dos poderosos e amos do mundo, Oremos.
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
Con amor e tremor,
Señor, presentamos hoxe a nosa oración da comunidade. Que sempre sexa reflexo
do que nos acontece e nos preocupa. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Para o camiño, Señor,
non levo ouro nin
prata, nin cartos no peto;
fíome da túa palabra.
Non teño alforxa,
abonda coa túa compaña
e co pan de cada día.
Para apoiarme, un
caxato e máis nada,
que os irmáns e as
irmás animan e dan a man
cando o camiño se fai
duro,
cando sangro, tropezo e
caio.
Túnica, chega coa
posta,
pois non teño nada que
agochar
e o frío e a calor son
máis liviáns en familia,
E sandalias, unhas de
quita e pon,
ben axustadiñas para
que non fagan callo as cousas,
para andar lixeiro e
non esquecer o chan que piso
cando o teu Espírito me
ergue, me leva e me arrastra.
Case lixeiro de
equipaxe...
Sígote!!!!. Iso
bástame.
No hay comentarios:
Publicar un comentario