sábado, 3 de enero de 2009
Ano de San Paulo
A Conversión de San Paulo
Por Xabier Martínez
Publicado en Dumio, Nadal de 2008
Nunha sociedade rexida e volcada coa Lei e as tradicións, os inimigos principais eran aqueles que se opoñían radicalmente a ela desde a mensaxe de Xesús de Nazaret. Os helenistas foron ó principio os principais perseguidos e mártires, mentras que os cristián de liña xudaizante (que defendían a circuncisión e “integraban” a Xesús nun sistema de continuidade das Escrituras) perduraron -non sen conflictos- durante algún tempo no fogar e no entorno da sinagoga. A expulsión da institución sinagogal poría logo en crise a súa idea continuista co xudaísmo.
Os helenistas opuxeron radicalmente a novedade da mensaxe de Xesús (o viño novo) á ritualidade mortecina das tradicións xudías (odres vellos). Para eles o viño novo de Xesús non tén cabida nun xudaísmo de férridos defensores da lei pola lei coma eran os fariseos, anclados na perpetuidade que lles reportaba seguridade ante a crise do templo.
As primeiras persecucións foron máis linchamentos xudios que persecucións romanas polo que o apedreamento, coma no caso de Esteban, nos amosan o proceder executorio propio do xudaísmo. Ó perseguir ós seguidores de Cristo, Paulo faise perseguidor do propio Cristo, que lle chegará a preguntar na súa conversión: ¿por que me persegues?
Os escritos do Novo Testamento esaxeran o carácter perseguidor e sanguinario de San Paulo para darlle unha maior impronta á súa conversión. Foi nunha destas persecucións a inimigos da lei camiño de Damasco onde San Paulo vivíu unha experiencia de “cristofanía” e encontro co Señor. Aquela experiencia transformadora co Resucitado derrubou os pilares doctrinais e de vida do apóstol, facéndoo renacer ó estilo da pasaxe de Xesús con Nicodemo. Esta ruptura coa lei e coas propias raíces non era doada para un xudío e foron moi poucos os conversos que deron este paso naquela sociedade.
Paulo retírase a Tarso, ás súas raíces, alí medita o crebacabezas escachado. Cómpre reconstruilo de novo pero cun novo pegamento que una as súas pezas: Xesús de Nazaret.
Coma nos dous de Emaús se percorreron tódalas Escrituras desde o novo significado e perspectiva que aportaba Xesús, Paulo fixo o seu camiño de Emaús propio para poñer a Xesús nas diferentes pezas que darían sentido e coherencia ó cristianismo. Un duro camiño que só se podía realizar na meditación sosegada e orante. Rematados aqueles dez anos de deserto en Tarso, aproximadamente, Paulo xa estivo preparado para identificar a súa vida coa súa misión. Logo do seu particular Pentecostés camiño de Damasco convertíase en Apóstol.
Achegarse ós perseguidos sen xenerar desconfianza, só sería posible gracias ó amigo Bernabé que lle abriría as portas á comunidade cristiá e lle faría de “carta credencial” da súa conversión.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario