domingo, 11 de mayo de 2008

Comentario de Pentecostés de Santiago Agrelo Martínez, Arzobispo de Tanger


Amigos: Paz e Ben.

Hoxe, cando se cumpren os cincuenta días do tempo pascual, a Igrexa celebra a solemnidade de Pentecoste, que é memoria festi­va do misterio da efusión do Espírito Santo sobre os apóstolos.


É difícil que un cristián chegue a indicar no Espírito Santo un elemento identificador da propia fe; e coido non andar moi lonxe da verdade se digo que para a maior parte de nós, aínda tendo oído falar do Espírito Santo, vivímo-la nosa fe coma se o Espírito de Deus Pai e do seu Fillo Xesús Cristo nada tivese que ver con ela.


Sen embargo, a verdade é que o Verbo de Deus recibiu a nosa carne para que nós puidesemos recibi-lo seu Espírito Santo.


O evanxeo que acabamos de escoitar evidencia algúns trazos distintivos da nosa vida cristiá:


Naquel día, o día primeiro da semana: é dicir, no día que chamamos domingo ou día do Señor, estando os discípulos reunidos, presentouse Xesús no medio deles.

O día primeiro, o día oitavo, o día quincuaxésimo, é sempre "aquel día": o día de Cristo resucitado; o día no que a vida alboreceu para nós gracias ó Señor e á súa morte; o día no que Cristo resucitado se fai presente na asemblea dos discípulos reunidos.


A Igrexa de tódolos tempos vive nesta fe e fai a experiencia deste encontro, de tal xeito que podemos dicir que non hai Igrexa verdadeira sen encontro con Cristo resucitado na comunidade dos crentes.


Naquel día, o primeiro, o oitavo, o quincuaxésimo, o noso día do Señor, Cristo resucitado comunícalles ós seus discípulos a paz que só el lles pode traer; os discípulos alégranse de ver ó Señor, de ve-las súas mans e o seu costado mentres fan, na fe, o memorial da súa morte e da súa resurrección; os discípulos reciben de Cristo resucitado a mesma misión que o Señor recibira do Pai, e para a cumpriren, reciben tamén o Espírito Santo, o Espírito que descendera sobre Xesús o día do seu bautismo no río Xordán, para se-lo compa­ñeiro inseparable do Verbo encarnado e asistilo na súa misión mesiánica.


Non hai Igrexa verdadeira sen a paz que Cristo da, sen unha misión coma a de Cristo, sen o Espírito de Cristo.


O Espírito de Cristo resucitado pon no corazón dos fieis o amor de Cristo, nas súas bocas a palabra de Cristo, nos seus pensamentos a verdade de Cristo, e nas súas obras o bondade de Cristo.


Non somos seguidores dunha relixión do libro, nin escravos dunha palabra morta. Somos homes e mulleres que, animados polo Espírito de Cristo resucitado, ímonos transformando en Cristo, imos collendo o seu xeito, imos tendo un aire con el.


Siempre en el corazón Cristo.


+ Santiago Agrelo Martínez

Arzobispo de Tánger

No hay comentarios: