domingo, 6 de enero de 2008

PREGÓN DO NADAL DO 2005

En Decembro do ano 2005 encargáronme realizar o Pregón do Nadal en Viveiro. Ademais de facer mención ás miñas humildes lembranzas de esas datas cando era neno, quixen achegar ós presentes ós relatos apócrifos da infancia de Xesús. Agardo que vos poda servir de axuda para comprender mellor as figuras apócrifas do nadal e a tradición dos Reis Magos de Oriente.

Xabier Martínez


Pregón Nadal 2005
“O Nadal nos evanxeos apócrifos
e o Evanxeo Apócrifo do Padre Xabier”


En primeiro lugar, agradecer a Román a súa presentación, que hoxe dista algo das verbas que nos anos tolos da adolescencia tantas veces me dixo, e agradecer ó Consorcio de Viveiro a súa invitación para presentar este Pregón. Dende logo que nunca tivo un pregoeiro tan novo este Nadal de Viveiro. Antes de ter entrado no Seminario, lembro terlle dito ó Rector que un crego tiña que ter experiencia da vida, que cómo se ía a poñer a predicar a quenes o superan en coñecementos experienciais. Quero lembrar hoxe especialmente a quenes sí nos falaron dende a experiencia en anteriores pregóns: A Mari Carmen Gómez (Chipe) que naquela ocasión no Mosteiro das Concepcionistas nos falaba de dona Herminia e o seu coro, e de todas aquelas xentes que fixeron que o Nadal fose significativo naqueles anos da nenez na posguerra. A Vicente Casas, que pedagóxicamente nos abreu á tradición dos beléns dende San Francisco de Asís. Ó meu compañeiro de traballos no Equipo Pastoral de As Pontes, Antonio Rodríguez Basanta, que construíu un Cantiño de Santiago para a lembranza dende este Pregón. Ó meu mestre de ximnasia e de galego no Colexio Pastor Díaz de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, hoxe Cronista da Vila, e que soubo incluso facer saborear o Nadal de Viveiro citando vellas recetas e enxundiosas reposterías, a Javier Illán, Moncho Pernas, Xoán Neira, e espero non esquecer a moitos outros, especialmente a quenes en etapas anteriores levaron a cabo este cometido. E como non, a Román Escourido Basanta, crego que non precisa de dar pregóns para amosar a súa solidaridade e compaña con este pobo.

Quixen titular este Pregón “O Nadal nos evanxeos apócrifos e o Evanxeo Apócrifo do Padre Xabier” porque do que vou falar nun primeiro momento é de cómo o Nadal e as personaxes que compoñen o Nacemento compréndense mellor se nos achegamos á tradición dos evanxeos apócrifos de onde xurdiron moitos deles.
Denominamos evanxeo apócrifo a aqueles escritos que non pasaron a formar parte do Novo Testamento. A historia de Xesús comezouse a escribir pola súa morte e resurrección. Esa era a parte máis importante que había que contar nun principio (a morte e a resurrección). Quero con isto dicir, que os relatos da infancia de Xesús son do último que se redactou no Novo Testamento, en concreto nos evanxeos de Mateo e Lucas, pois Marcos e Xoán non contan nada da infancia de Xesús.
Ás primeiras comunidades convenceulles especialmente os contidos que nestes dous evanxeos temos, co que marxinaron outros relatos que non plasmaban coa misma fidelidade a súa experiencia. Algúns deles incluso escritos moitos séculos despois (VI-VII-VIII...). Un Evanxeo apócrifo non é un evanxeo oculto ou escondido –como realmente significa esta palabra-, senón que son relatos que ninguén esconde e que se poden atopar con moita maestría recollidos na edición dos evanxeos apócrifos de Aurelio de Santos Otero[1]. Simplemente, as primeiras comunidades cristiáns optaron por outros relatos que recollían mellor o seu sentir.

E nun segundo momento quero falar do Evanxeo Apócrifo do ”Padre Xabier”, porque este pequeno crego quere contar tamén algunhas memorias da súa curta experiencia acerca do nacemento de Xesús. Será o meu apócrifo. E se chega a ser Boa Nova para vós, quizais ata “Evanxeo” apócrifo.
Teñamos en conta que un Evanxeo é unha Boa Nova; o Nadal é unha Boa Nova. Hai poucos días chegaba ó meu móbil unha mensaxe, que se fose verdade non sería boa mensaxe. Dicía: “mensaxe urxente: ante o perigo da gripe aviar, este ano suspéndese a Misa do Galo. Asinado: Benedicto XVI”. Ainda que sexa irónicamente divertido, esta non podería ser unha Boa Nova.

“COUSAS” DO NADAL
DESTACADAS NOS EVANXEOS APÓCRIFOS

A Mula

A primeira personaxe da que paso a falar é a burriña. A mula que sempre aparece nos relatos navideños e á que a tradición quixo poñer en relación con aquela outra que xurde cando Xesús entra en Xerusalén para morrer por nós. Do Antigo Testamento quedaba o bo recordo dunha burra que con fidelidade levou a Balaam –profeta astrólogo que falou da estrela de Belén-, ante Iavé. (Cf. Números 22, 22) Non só foi ese o milagre, senón que a burra falou con Balaam coma se fose a “mula Francis” (esa que sempre proxectaban na tele no Nadal, xunto con Mujercitas, El Pequeño Lord, Caravana de Mujeres, Toby...). A burra de Balaam representa a obediencia a Deus. No Novo Testamento Xesús é o profeta que entra sobre ela con docilidade na Cidade Santa para acatar o mandato de Deus de entregarse por todos nós. É esa mesma que está no Portal e que levou a María de pousada en pousada por Belén. Na Igrexa de Santa María témola esculpida nun capitel do presbiterio, e ela abre sempre a nosa Semana Santa. Como vemos, no Belén xa está anunciada a Paixón. Ata agora non caiamos na conta, pero nos relatos da infancia de Xesús ubícase o sumario ou índice de toda a súa historia.
Pero, non hai ningunha mula que leve a María ata Belén nos Evanxeos do Novo Testamento, nin tampouco na fuxida a Exipto. O da mula non é mais ca unha tradición que bebe dos apócrifos. A Biblia, descoñecida e mesmo prohibida durante moito tempo, deuse a coñecer ó través da imaxinería, da pintura, incluso dos autosacramentais, que na maior parte dos casos tomaban coma fonte relatos apócrifos.
Existe un apócrifo que chamamos Pseudo Mateo que di que María “reclinou ó Neno nun pesebre, e o boi e mailo asno o adoraron. Entón cumpriuse o que fora anunciado polo profeta Isaías: “O boi coñeceu ó seu amo, e o asno o pesebre do seu Señor. E ata os mesmos animais entre os que se atopaba o adoraban sen cesar”.
Existe tamén un “evanxeo árabe da infancia de Xesús” que nos conta cómo María retorna a persoa a un home que se tiña convertido en burro. Cantas veces necesitaría o noso mundo de milagres tales, que fixesen do burros homes e dos homes verdadeiros seres humanos.


A cova de Belén

Na Biblia (Cf. Mateo e Lucas) dícese que víu a luz nun pesebre e entre pastores, porque non había sitio na pousada, pero nunca se nos fala dunha cova. É nos apócrifos, coma o denominado Protoevanxeo de Santiago (18,1) onde se falará dunha cova, como manda a tradición. Tamén da Cova falou no ano 248 Oríxenes de Alexandría. Se algunha vez temos a oportunidade de ir a Terra Santa, e en concreto a Belén, atoparemos unha fermosa basílica edificada por Constantino, a petición da súa nai Santa Elena e consagrada o 31 de Maio do ano 339, ainda que a que se conserva é de Xustiniano con reconstruccións dos templarios. Nela baixaremos a esa cova de 12,30 mts de longo por 3,50 mts de ancho na que veremos un altar e debaixo deste unha estrela de prata que sinalaría o lugar do Nacemento segundo a tradición. Pero o máis fermoso desta grande basílica é que para entrar só hai unha porta pequerrecha. Por iso foi empregada moitas veces coma lugar defensivo. Para pasar por esa porta e acceder ó templo hai que agacharse. Conta a tradición que sobre o dintel da porta houbo un cartel algún día que puxo: “Para entrar aquí hai que facerse coma Deus”. Para entrar na Cova de Belén hai que facerse humilde, nacer pequeno e de novo coma Nicodemo, pequeno e pobre coma o Señor, sinxelo e tenramente pequerrecho.
Di un apócrifo, o Libro da infancia do Salvador (nº 69) que durante o tempo en que estiveron na cova Xesús, María e Xosé, resplandeceu unha forte luz que a iluminaba, tanto de día coma de noite, polo que non era un lugar escuro. E di que especialmente no momento do nacemento aquela luz se multiplicou e escureceu co seu resplandor o fulgor do sol, sendo inundada a cova pola claridade e cun suave arrecendo, máis penetrante ca o perfume de tódolos ungüentos da terra. Di incluso que esa luz foi tomando, pouco a pouco, a forma dun Neno (nº 74).
Un evanxeo armenio da infancia (IX) di que esa luz centelleante veu a pousar ante o pesebre mentres ca nai da humanidade, Eva, viu a visitalo subida nunha nube. Di o Pseudo Mateo (nº 2) que a Cova nunca estivera iluminada, que a primeira vez que a luz entrou alí foi con Xesús. Con isto estaba a significarse que no mundo nunca entrara a luz, que con Xesús viña a luz. A cova, neste caso representaba ó noso mundo que vivía nas tebras e que se transformaba coa chegada de Xesús, o fillo daquel carpinteiro, coma Paco de Furadiña e coma tantos outros carpinteiros que tén e tivo Viveiro.

Comadronas

Tamén nos apócrifos aparecen mulleres que axudaron coma comadronas a nacer a Xesús. Eso é ben fermoso, porque quere dicir que tamén aquelas mulleres coma Lola da Chitona de Celeiro e moitas outras que axudaron a nacer a tantos nenos, tamén estiveron na memoria popular onda Deus. Segundo o apócrifo do Pseudo Mateo (nº 4) Xosé chegou con dúas comadronas chamadas Zelomí (abraiada polo alumbramento) e Salomé (que lle custou algo crer, pero que logo se convenceu), pero non fixeron falta, porque María xa dera a luz e Xosé, preocupado por buscar o mellor para María, perdérase o Nacemento de Deus mesmo. Nestes relatos das comadronas soe aparecer o ancián Simeón buscando unha parteira ou falando con ela sobre o espectacular do acontecido (cf. Apócrifo do libro da infancia do Salvador nº 70).

A Palmeira

Moitas veces aparece na iconografía popular María levando nos seus brazos a Xesús, de acabalo dunha mula que é conducida por Xosé, pero engádese unha palmeira. Ás veces esta palmeira está inclinada sobre a Sagrada Familia, como se quixese acollela e facer de pousada.
Conta o Apócrifo do Pseudo Mateo (XX) que María se sintíu fatigada na fuxida polo deserto e vendo unha palmeira díxolle a Xosé: “Quixera descansar un pouco á sombra dela”. María sentou, mirou cara á copa da palmeira e viuna chea de froitos e pidiulle a Xosé que lle baixara algún. Pero Xosé viu que os froitos estaban demasiado altos, e a el o que lle preocupaba era conseguir auga para a supervivencia. Relátasenos, coma o Neno Xesús, que repousaba no colo de María, lle dixo á palmeira: “Agáchate e dalle dos teus froitos á miña Nai”. Así o fixo a palmeira, e a Sagrada Familia xantou abondosamente. Logo, ordenoulle alzarse de novo e prometeulle á palmeira que sería compañeira das árbores que poboaban ó xardín do seu Pai.
Como podemos comprobar, seguimos vendo que nos relatos apócrifos da infancia segue aparecendo de xeito latente a historia da paixón. Xesús dille iso á Palmeira na súa infancia, do mesmo xeito que lle dirá a Dimas, o bo ladrón, aquelo de “Hoxe estarás conmigo no Paraiso” (Lc 23, 43).
Pero non remata aquí o relato, o Neno Xesús ordena que as raíces da palmeira reventen de auga, e fagan brotar un manantío, que deu de beber a moitos da comitiva que acompañaba a Sagrada Familia. Seguimos, pois, vendo que neste fermoso relato apócrifo da infancia están facéndose presentes outros moitos feitos acaecidos na historia de Xesús: a multiplicación dos pans e dos peixes, as vodas de Caná, a Eucaristía compartida por todos na Última Cea.
Detrás dun símbolo tan sinxelo coma unha palmeira, podemos observar que a imaxinería popular plasmaba toda a fonda mensaxe da salvación, que mesmo comparaba a palmeira coa árbore da cruz.
Agardo que dende agora, cando vexamos unha palmeira no Belén, remitiranos a tantas cousas que formaron parte da vida de Xesús.

Os Reis Magos

Quen nos fala na Biblia deles é o Evanxelista Mateo, que coma bo xudío, pensaba que a salvación era para o pobo elixido por Deus, e que logo estarían as outras nacións da Terra. Pero a comunidade de Mateo, foi descubrindo que a mensaxe de Xesús era Universal, que tiña que chegar a todas partes porque era de valía para todos. Que Deus era un patrimonio para dar a coñecer a tódolos pobos. Como diría Xosé Manuel Carballo, un cura que exerce de mago en Castro de Rei: “se Deus non existise pagaba a pena inventalo”. Se os reis non fosen tales reis, pagaba a pena que así o fosen, porque os nenos ben os merecen.
A Comunidade de Mateo comprendeu a mensaxe da salvación como universal, e foi entón cando entraron no Evanxeo Os Reis Magos, que non son outra cousa mais que a demostración de que outros pobos, que chegaban dende lugares lonxanos, tamén podían adorar ó Deus de Israel en Xesucristo. Pero Mateo só nos falou duns magos, non dixo número, iso sí, que levaron Ouro, Incienso e Mirra. O tempo e os apócrifos, fixeron todo o demais, dándolles un nome e facéndolles contrato de por vida para traballar horas extras só unha noite ó ano e vivir 364 días de vacacións. Todo un choio, haber se toman nota os sindicatos.
Os primeiros nomes dos Reis aparecen en escritos de San León Magno (anos 440-461) que os nomeaba como Melkon (co tempo sería Melchor), rei dos persas; Gaspar, rei dos indios, e Baltasar, rei dos árabes (quizais por iso de ser árabe tocoulle ser negro e tiznar ós nenos na cara cando os bicaba). Unha versión apócrifa etiópica do Protoevanxeo cita tamén tres reis, pero chámalles Tanisuram, Malik e Sisseba. Mellor que non lle pidamos ós nenos que aprendan estos nomes. Pero a Tradición Oriental chegou a falar de doce magos, e os armenios chegaron a falar de quince. Incluso nas catacumbas cristiás o número non estaba claro, ás veces representábanse dous, outras tres, e mesmo catro. Gracias a Deus os nosos nenos son máis intelixentes hoxe e saben perfectamente que son tres.
Contan os apócrifos que ó Neno lle levaron Ouro, Incienso e Mirra (ouro coma rei, incienso coma Deus, e mirra para unxilo seu corpo á súa morte) pero, xa naquel tempo debían de existir os protocolos reais e houbo intercambio de regalos. Segundo unhas versións (evanxeo arabe da infancia, VII) María regaloulle ós Reis uns pañais, e a tradición conta que foron gardados como reliquia en Constantinopla ata que se trasladaron a Francia, onde se destruiron na Revolución Francesa. Pero a versión etiópica deste evanxeo di que o verdadeiro regalo foi un pan que o Neno lle deu ós Reis. Seguimos polo tanto atopando reminiscencias da Eucaristía, e do que significaría a vida daquel Neno. Conta a lenda que os Reis esconderon o pan soterrándoo en terra. Herodes pidiu que llo trouxeran, e ó ir a buscalo xurdíu unha labarada de lume da terra que se elevaba cara a Deus. Dise dende entón que os Reis louvan aquel lume santo que representa ó Mesías que tamén uníu a terra co Ceo.

O APÓCRIFO DO PADRE XABIER

Contos fermosos para o Nadal que nos amosan que os relatos apócrifos poden lerse sen que sexan escándalo, e que resultan contos engaiolantes e suxerentes para a nosa fe. Pero, como prometín ó principio, queda pendente agora, contar outro apócrifo máis especial, o do Padre Xabier, que segue gardando a inocencia dos Reis Magos e que segue sen comprender por qué Melchor sabía aquel ano, lendo na carta na Fonte Nova que o meu Pai lle pedira ós Reis unhas “Rodilleras” para xogar ó futbol. Coma tódolos nenos durmín pouco e mal en moitas noites de Nadal, sacando tódo o calzado habido e por haber na casa coa finalidade de que os caramelos foran moitos. Lembro as molleiras na Praza Maior, porque cos Reis sempre chegaban as choivas. Unha praza ateigada de paraugas albiscaba ós Reis baixo o balcón de Paleo, na casa de Xoaquín da Praza, porque o Concello estaba en obras. Co caer dos caramelos os paraugas virábanse coma se fosen cestos de apañar castañas, e os empurróns rompían algún que outro que remataría arranxándo as varas na zapatería dos Peperrandas.
Coa fin de semana tocaba ir ver Beléns polas igrexas: O da Terceira Orden que segue a facer Manolito “O Fidalgo”, Santa María, Concepcionistas e especialmente no Asilo, cando todavía don Amado non tiña feito a inxeniosa obra de porespán, e só había figuras con grandes nubes no ceo construidas por sabas brancas. (¡Ui! Hai nubes no Belén, ¡Este ano toca paraugas!).
No Nadal regresaba Elena e José Miguel Prados da familia de don Antonio Prados Ledesma e xa pasabamos xuntos todo o Nadal discutindo e xogando.
Lembro aqueles recreos en infantil, na escola situada na Biblioteca da Praza Maior, con Lolita Cociña, nos que me tomaba as magdalenas feitas por Lolita de Rosalía. Lembro aquel Viveiro das mañás con olor á panadería Gabeiras e á señora Rosario que sempre nos agasallaba cos palistroques.
Xa no Colexio Pastor Díaz faciamos festival de Nadal, poñiamos algún Belén e Dona María Teresa Goás, directora daquela, nos contaba cómo acontecera aquel Nacemento entre outros relatos de historia sagrada coma xa non se contan hoxe nas escolas.
Ós 10 anos marchei para Covas, onde co tempo, e como diría Paco Martínez Soria, “se armó el belén”. En Covas coñecín a un entrañable amigo dos nenos e dos xoves: don Antonino Roca y Roca, sacerdote que durante máis de 50 anos compartíu vida cos parroquianos de Covas.

Don Antonino Roca y Roca

Don Antonino nacera o 17-V-1911 en Sta. Marina de Lagostelle, parroquia que tén no seu presbiterio o lugar onde mana unha boa fonte. Quizais foi de aí de onde lle xurdeu a don Antonino a vocación de crear boas fontes “asentadas” sobre a pedra.
O 28 de Xuño de 1936 o bispo D. Benjamín de Arriba y Castro confírelle o orde do presbiterado a tres diáconos de S. Nicolás de Neda e a Antonino. En setembro do mesmo ano publícarase no Boletín do obispado de Mondoñedo o seu nomeamento como cura ecónomo de Santa María de Suegos e Mosende. Tra-la guerra farase cargo de Covas, seguindo así a cadea de quenes así o fixeran anteriormente: D. Leoncio López de las Casas e D. Ceferino Lodos Bermúdez.
Atopouse así cuns tempos de miseria, coma ben dixo el nun poema, porque Antonino, foi un bo poeta, compañeiro de Díaz Castro:

...“Nin hai ganancias do mar,
nin abundancias na terra,
trouxeron miserias sin par
as consecuencias da guerra”.

Plasmou nas obras de teatro e nos poemas que os nenos botaban no nadal da parroquia a amarga realidade da posguerra:

... “E aló na miña casa
inda máis pequenos hai
que piden pan sin tasa
á probe da miña nai”.

Desde o seu afán dinámico soubo sempre resposta-las demandas pastorais do seu tempo, e así impulsou os movementos parroquiais dun xeito especial por medio das representacións, dos beléns vivintes e dos certames. Axudado polas queridas xentes da parroquia, fíxose un co vivir cotiá de Covas, coma ben o manifestan pequenas obras de teatro popular coma: “o tío Xerónimo”, “A cega”, “As catro vellas”, “As cinco pastoras”, “mazás verdes”... :

1.- ¿E logo tío Silverio, parece que vai moi cargado?
2.- ¿Donde vai meu cuñado? Queda na casa, non quixo vir.
1.- Digo que si vai moi cargado.
2.- Non, non lle mandei recado...
1.- Non lle chamo sin conciencia nin tampouco malvado...
2.- ¿Na horta de Pillado? Non home non, que son das miñas, dunha maceira que teño...

Foi coma un neno que nunca perdeu a ilusión pola súa xente, testemuño de esperanza, de fe constante e de perseverancia; para el todo se acadaba con estas virtudes vividas con amor. E porque realmente o vivía e se desvivía, así o transmiteu con sinxeleza e bo humor ata os seus derradeiros momentos.

Cacharela

No ano 1987 naceu Cacharela. Todavía non estaba legalizada, pero foi un grupo xuvenil que durante moitos anos levou a cabo o Belén vivinte de Covas. Apoiados por Rosa Rossi e Benigno Franco, máis de 70 rapaces vivimos durante uns anos un fenómeno moi curioso, constructivo e de fonda experiencia.
Aquel primeiro ano na cafetería da discoteca do Cariñés houbo un Belén que nos foi ilusionando e que ano tras ano foi medrando en pezas, extensión, xente... e incluso animais. Os tres seguintes anos realizouse na Igrexa Parroquial de Covas, na que acampabamos o Belén ocupando boa parte dela e creando ilusión nos máis pequenos ós que ensaiábamos durante máis de tres meses con todos aqueles poemas que recitaban no Belén e no día de Reis. Logo pasou a facerse no exterior no patio da escola vella de Covas.
Foi un traballo moi desinteresado, feito con ilusión, no que moitos xoves demostraron que a xuventude era algo máis. Eramos xoves atípicos, dende logo que foi unha xuventude moi distinta ó que hoxe está acostumada a vivir calquera xove. Con catorce e quince anos, Nati, Ana, María José, Dulce María, Jesús, Pablo, Eusebio, Fran, Nemesio, Antonio, Luis... e tantos outros rapaces, nos adicabamos a aquel Belén, ás obras de teatro, ós festivais, á creación dunha biblioteca rural, ... e incluso o ano 91 a organiza-las festas patronais e a publicación dunha revista da Asociación. Co tempo fomos intercambiando actividades coa asociación de San Cibrao de Vieiro e de Santiago de Bravos. Logo con moitas outras, pero sempre querendo preservar un xeito apolítico dado que tiñamos rapaces e mesmo nenos na asociación. Cacharela creou unha familia de amigos, que ainda cando o tempo vai pasando, seguimos tendo a capacidade de falarnos dende a nostalxia de todo aquelo, porque o vivimos con tanto agarimo que marcou fondamente as nosas vidas.
Por iso, hoxe, como sacerdote, sei que en medio de todo aquelo que nos ilusionaba, que compartiamos, que faciamos polos máis pequenos e porque Covas tivese algo, estaba Deus mesmo acampando para chegar como boa nova ás xentes. Calquera dos nenos que actuaron naqueles beléns, o lembrará para a vida, e nunca esquecerá aqueles versiños, algúns de Antonino, algúns meus, que tamén era medio poeta na xuventude, como lembrarán as miñas amistades.
O feito é que son tradicións que nunca se deberan perder, que nos fan comprender mellor o Nadal, e que nos fan formar familia, para vivir desinteresadamente a ledicia do comunitario, do grupal, nun mundo cada día máis individual e individualista, onde as xentes xa non somos capaces nin de levarnos con nós mesmos. Por iso cando vexo actuar o grupo de Gaitas de Cacharela, que naceu de todo aquelo, e ó mirar para o emblema, que vai para case 20 anos que debuxei, vénme á mente a idea de que hai esperanza nos xoves, se retoman as tradicións e as viven, porque tras delas hai unha fonda mensaxe e uns fondos valores. Nós retomamos aqueles nacementos representados, e aqueles versos que xa sonaban ós tempos dos movementos da Acción Católica, pero con todo aquelo fixemos algo moi grande e que permanecerá para sempre nas nosas lembranzas. Ás veces as persoas pequenas e débiles, somos capaces de facer imposibles, como foi todo aquel movemento que desbordaba a aqueles rapaces. Así é como comprendín que a vida e o belén son tamén o imposible feito polos máis pequenos. O Nadal, non é consumo, coma ben dixo o noso Bispo no pregón de Begonte a pasada semana; o Nadal é confiar que do pequeno e do finito, nace Deus, cando acampan no corazón valores grandes. O Nadal é saber descobrir que a capacidade de amar fainos superar os imposibles e transcender toda limitación humana.

De novo en Viveiro

Despois de Cacharela, mudei coa miña familia de novo para Viveiro, onde lembro pasar bos momentos cantando panxoliñas con Totis, sempre sorrinte e cheo de humor, no Coro de Santa María. Lembro ter ido con Román naquel Nadal do 92 no que xa estaba no Seminario a visitar a don Antonio García Mato á Residencia de Lugo, e lembro coma todos estabamos compinchados coas irmáns Girón para dicirlle cando preguntara que o Belén xa estaba montado e que quedara estupendamente. Nos seus últimos momentos a gran preocupación de don Antonio García Mato era ese Belén que podemos seguir contemplando, i eu sei que tamén tiña a ledicia dun futuro crego, chamado Xabier, que saía da parroquia.
O tempo foi pasando, e os curas somos coma emigrantes eternos que andamos de acó para aló, pero que sempre anhelamos ese ventiño mareiro que a Viveiriño nos leve. O pasado ano un pequeno comentario meu fixo aparecer nos fogares de Viveiro unha luz que proviña dende Belén. O meu desexo hoxe sería o de que aquela luz de Belén que vivimos o pasado ano siga iluminando os nosos fogares, facendo presente que Deus acampa neles. Son ás veces covas escuras coma as de Belén, que precisan dun Deus que as ilumine e as acompañe para seguir adiante. Que ilumine na nosas covas os rincóns escuros dos que xa non están con nós, pero que están con Deus, que ilumine os malos momentos do ano que remata. Que a luz do Señor ilumine nas nosas covas tódalas esperanzas que falen de ben e de paz.

Despídome cun poema de don Antonino Roca sobre o Nadal, que moitas veces quixemos ler naquelas representacións. E tamén con este rompecabezas que forma unha estrela de Belén e que o meu avó, o Selleiro, de Celeiro fixo á navalla xa fai moitos, moitos anos. Coa estrela quero lembrar especialmente ós mariñeiros, e ás súas familias neste Nadal, acordándome da desgracia que este ano se vivíu no mundo do mar en Burela, nun barco que ata hai pouco estivo atracado no porto de Celeiro. Non podo esquecer neste momento ós seus familiares presentes no funeral ó que asistimos varios cregos da zona, cando todavía non se rematara de rastrexalo barco. Que o ano que comeza teña para eles estrelas de Belén que os leve ata mares onde haia boa pesca.


O berce do nacemento
é coma o niño dun paxaro
o paxariño está dentro
e ven a xente a bicalo.

Paxariño voador
que vés voando do ceo
¿cómo te atreviche a voar
tan pequeniño e tan tenro?

Paxariño voador
¡Que brancas tes as tuas ialas!
Para que conserven a candor
Voa paxariño e non caias.

Paxariño voador
Paxariño de alas brancas e biquiño sonrrosado
¡Cómo te vés apousar
Ás pallas de tan probe establo!

Xente toda, os que aquí estades,
Estar quedos, ¡chis! ¡Non falar!,
Co máis pequeno ruido
Pode o meu paxariño voar.

Paxariño voador
¡quen te poidera coller!
habiache de facer unha xaula
e poñerte na ventá
habíache de dar de comer
e rezarche pola mañá.


Moitas Gracias. Bo Nadal!!!



[1] Aurelio de Santos Otero, Los Evangelios Apócrifos, BAC (Madrid 1999).

No hay comentarios: