DOMINGO 11º DO TEMPO ORDINARIO - B
Primeira Lectura
Ez 17, 22-24
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Enxalzou a árbore humilde
Así fala o meu Señor:
‑ Eu collerei das
ramas do cedro a máis alta e fixareina;
dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,
e plantareino nun monte alto e elevado,
no monte elevado de Israel plantareino;
botará gromos e dará froitos
e volverase un cedro magnífico;
aniñarán debaixo del todos os paxariños,
todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.
Entón todas as árbores
do monte
caerán na conta de que eu, o Señor,
derreo a árbore ergueita
e levanto a árbore derreada;
seco a árbore verde
e fago florecer a árbore seca.
Eu, o Señor, díxeno e
fareino.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16
R/. (cf. 2a): É bo honrar o teu nome, Señor.
É bo celebrar o Señor,
e cantar ao teu nome, oh Altísimo,
pregoar de mañá a túa misericordia,
e de noite a túa fidelidade.
Os xustos florecerán coma palmeiras,
ergueranse coma cedros do Líbano.
Plantados na casa do Señor,
florecerán nos adros do noso Deus.
Aínda na vellez seguirán dando froito,
estarán cheos de zume e de vigor,
para pregoaren que o Señor é recto,
a miña rocha, en quen non hai iniquidade.
Segunda Lectura
2 Cor 5, 6-10
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN
PAULO AOS CORINTIOS
Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del,
arelamos agradarlle ao Señor
Irmáns:
Temos sempre bo ánimo,
sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe do Señor, guiados
pola fe, non polo que se ve.
E con este ánimo,
preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso, ora
continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.
Porque todos teremos
que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un
recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Mc 4,
26-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
A máis pequena das sementes faise o máis grande dos
arbustos
Naquel tempo, dicía
Xesús á multitude:
‑ Así é o Reino de
Deus, como un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa
de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A
terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último
o gran ben abundante na espiga. E cando o froito xa está en sazón, de seguida
se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía:
‑ Con que compararemos
o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a
máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a
maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas ponlas tan grandes que na
súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
E así, con moitas
comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen
entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus
discípulos.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario